CRTVG

Buscar

Repuntan os casos activos e os ingresos nas UCI en Galicia

Publicado o 31/03/2021 10:00

• Soben os casos en todas as áreas, agás na da Coruña

• Increméntase o número de novos positivos (169)

• Galicia baixa dos 200 persoas ingresadas por primeira vez dende o 5 de setembro

Repuntan os casos activos e os ingresos nas UCI en Galicia

A irregularidade da fase de meseta da terceira vaga confirma a desaceleración no descenso. Segundo os últimos datos do Sergas, os casos activos aumentan ata os 2.354, o que son 47 máis ca onte, logo de 169 novos positivos, dos cales 144 foron diagnosticados a través dunha proba PCR.

Por áreas sanitarias, o resultado é o seguinte:

A Coruña: 791 (-25)

Vigo: 619 (+30)

Pontevedra: 231 (+13)

Santiago: 268 (+13)

Lugo: 169 (+1)

Ferrol: 131 (+1)

Ourense: 145 (+14)

Sobe o número de persoas nas UCI

No que respecta ás cifras de presión asisetencial, a estabilidade con tendencia ao descenso sofre hoxe unha repunta nas unidades de críticos. Hai un dato positivo: Galicia baixa do limiar das 200 persoas ingresadas por primeira vez dende o 5 de setembro do ano pasado. En total, permanecen hospitalizadas 197 persoas, das cales 167 están en planta (-14) e 30 (+4) nas UCI.

Onte o Sergas notificou o falecemento de seis persoas por mor do coronavirus,  o que eleva a cifra de vítimas da pandemia a 2.342 persoas en Galicia.

Baixa positividade

Fixéronse 5.502 probas PCR (+313), das que deron positivo 148 (+63). Isto implica unha positividade do 2,69 %, aínda moi debaixo do limiar máximo recomendado pola OMS do 5 % para dar por controlada unha pandemia. A taxa de positividade é dos parámetros que presenta maior estabilidade no último mes e medio.

Mapas de incidencia por concellos