CRTVG

Buscar

Repuntan os contaxios de coronavirus en Galicia, con 515 novos positivos

Publicado o 11/11/2020 10:10

• O comité clínico opta por manter as restricións vixentes

• Baixan os casos activos en Ourense, Ferrol e Lugo, e soben no resto

• O 6,2 % do total de infectados precisa hospitalización

Un total de 515 persoas deron positivo por coronavirus nas probas PCR realizadas entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Son os últimos datos facilitados pola Consellería de Sanidade, que rexistra un incremento de novos contaxios (+165 respecto do reconto anterior).

Baixan os casos activos

Galicia encadea catro días seguidos diminuíndo o número de casos activos. O aumento de altas, o freo na detección de novos contaxios e os falecementos reducen os casos activos de covid-19 nestes catro en 407 nestas catro xornadas. O número total de casos activos baixan en 83 persoas, ata os 9.869 pacientes.

O número de casos activos descendeu e tres das sete áreas: en Ourense hai 92 casos menos e baixa do milleiro, ata os 929; en Ferrol hai 978 casos (35 menos) e en Lugo, con 19 casos menos, a cifra total de infeccións activas sitúase en 1.129.

Pola contra, soben os casos activos en Vigo (+8), que suma 2.463; na Coruña (+23), con 1.921; en Pontevedra (+16), con 1.263, e en Santiago (+16), con 1.186 casos activos.

No que respecta aos novos contaxios por áreas sanitarias, Vigo é a que máis casos novos confirmou nas últimas horas, con 150 novas infeccións. Na Coruña detectáronse con PCR 114 novos contaxios, 73 en Santiago, 64 en Pontevedra, 43 en Ourense, 37 en Ferrol e 34 en Lugo.

Soben as PCR

Onte e antonte rexistráronse dúas fortes caídas no número de PCR. Hoxe experimentan unha forte suba, ata as 7.457 probas, o que son 3.114 máis ca onte. Aínda que é unha cifra semellante á do mércores pasado (7.474), segue a ser un número inferior á media da semana pasada (7.713) ou da anterior (8.450).

Menos ingresos nos hospitais

Tras semanas de subas importantes nos ingresos hospitalarios, Galicia estabiliza a cifra. Hai 611 hospitalizados (un 6,2 por cento do total de infectados), dos cales permanecen en planta 516 (+2) e 95 na UCI.

O número de vítimas nesta pandemia ascende por desgraza a 1.024 persoas, logo dos 15 decesos notificados onte polo Sergas.

Mapas de niveis de alerta por concello