Repuntan as hospitalizacións (+19) noutra xornada con baixada de casos activos
• A positividade das PCR, nunha media de 5,09 % na última semana
• Estes son os datos que o comité clínico analizará para establecer novas medidas. Sanidade aposta por axustes das restricións
A terceira vaga vai reducindo o seu impacto cunha nova baixada nos casos activos e novos contaxios detectados. Hai, segundo o Sergas, 13.052 casos activos (-693), tras 350 novos positivos en covid-19 diagnosticados onte, 345 confirmados a través de PCR.
ÚLTIMA HORA | Repuntan as hospitalizacións (+19) noutra xornada con descenso dos casos activos (-693). Hai 13.052 casos activos. Preme para máis información https://t.co/poRIc4j05G pic.twitter.com/o3rdDgU96r
— G24 (@G24Noticias) February 15, 2021
Baseándose nestes datos e na evolución dos últimos días, hoxe o comité clínico decidirá cales serán as novas medidas a aplicar no país. O conselleiro de Sanidade avanzaba onte que todo apunta máis cara a uns axustes das restricións máis ca a unha desescalada.
Por áreas sanitarias:
A Coruña: 3.964 (-182)
Vigo: 2.029 (-111)
Santiago: 1.689 (-123)
Pontevedra: 1.725 (-62)
Ourense: 1.217 (-95)
Lugo: 1.171 (-65)
Ferrol: 1.257 (-55)
Repuntan as hospitalizacións
Segundo os últimos datos de Sanidade, Galicia ten máis persoas nos hospitais hoxe ca onte. Volvemos superar o milleiro de ingresados: 1.016, das cales 792 están en planta (+17) e 224 nas UCI (+2).
Onte o Sergas notificou o pasamento de dez persoas por mor da covid-19, o que eleva a cifra de vítimas no país nesta pandemia a 2.096. No que levamos de ano morreron 696 persoas.
Positividade, próxima ao 5 %
O número de PCR cae ata as 6.272 (-1.823), logo de dúas semanas intensas de cribados. A taxa de positividade sitúase no 5,50 %, tras daren positivo 345 persoas. A positividade media das PCR da última semana é de 5,09 %.