Repunta na Barbanza e no Salnés: Vilagarcía sumou 94 casos en 14 días
Tanto na zona norte coma na zona sur da ría de Arousa están algúns dos concellos que arestora máis preocupan ao comité clínico. Nalgúns deles, a incidencia da covid vai en aumento malia as restricións.
Concellos coma os da contorna da ría desta ria, cun peso forte da industria e do comercio e abertos ao mar, están a sufrir especialmente nesta segunda onda da pandemia.
Na Barbanza, o 87 por cento dos traballadores de empresas de Boiro, Rianxo, A Pobra e Ribeira asistían esta fin de semana a un cribado para detectar asintomáticos.
E no Salnés, O Grove, Sanxenxo e Cambados seguen no máximo nivel de restricións; pero preocupan nas últimas horas os concellos da Illa da Arousa e de Vilagarcía, onde a incidencia volveu superar os 250 casos por 100.000 habitantes.
"Se estamos facendo as cousas ben, imos con máscara, o servizo de restauración está restrinxidísimo, non entramos nen saímos... se facemos todo iso por que sobe? ¿Que é o que estamos a facer mal?", pregúntase unha veciña da vila.
É a mesma pregunta que se fan hoxe moitos cidadáns de Vilagarcía ao saber que o seu concello volve estar, outra vez, cunha incidencia da covid superior a 250. Unha noticia que chega a dez días da Noiteboa e que deixa os veciños preocupados por saber como poderán celebrar as festas.
"A explicación pode ser que houbese algún brote nalgunha empresa", apuntan. "Eu penso que a xente ten que entender que hai que estar con máscara. Hai xente que pensa que por estar coa xente que quere non se contaxia e este virus núterese precisamente da xente que un quere".
Son algunhas das explicacións que atopan os veciños para esta nova repunta nos contaxios: 94 casos máis nos últimos días, nunha vila que é tamén un paradigma da Galicia atlántica onde a mobilidade social é maior polo carácter industrail e comercial ligado á actividade marítima.
Unha variable, a da mobilidade, que xunto á densidade de poboación, está demostrando ter unha correlación coas infeccions por covid-19.