Repunta de casos nalgunhas rexións de España, que endurecen as restricións
As comunidades autónomas volven reunirse esta tarde co Ministerio de Sanidade no Consello Interterritorial de Saúde para abordar a xa probable terceira onda do virus, unhas semanas antes, ademais, de que Salvador Illa deixe o cargo. Os contaxios seguen disparándose en varias rexións. Andalucía, Madrid e Aragón aumentaron as restricións de mobilidade para frear a propagación.
Primeira semana de 2021 e a covid-19 está en fase expansiva. Segundo o último parte de Sanidade, a incidencia está en 279 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.
As autoridades sanitarias insisten: ninguén está a salvo do virus e non só morre xente maior ou enferma. O Goberno canario informaba nas últimas horas da morte dunha moza de 21 anos por coronavirus que non tiña patoloxías previas. Contaxiárase nun gromo familiar.
Na Península, especialmente preocupante é a situación en Cataluña, onde se detectaron preto de 1.500 novos casos e se notificaron 45 mortes. Aumentou a presión hospitalaria. Hai preto de dúas mil persoas ingresadas, 385 delas están na UCI.
Andalucía suma este domingo 2.220 casos, a cifra máis alta desde novembro, e 14 mortes. Con todo, iso non amedrentou a xente, que facía onte colas en Sevilla para apurar as compras de Reis.
Málaga é a provincia onde máis medran os contaxios. Séguea Cádiz, onde o Goberno autónomico decretou o peche dos oito concellos do Campo de Xibraltar, debido ao impacto da cepa británica.
Nalgúns territorios comezan a semana cun endurecemento das restricións. Por exemplo, nas Baleares que, segundo os datos de Sanidade, ten a taxa de contaxios máis alta de España, 530 casos por cen mil habitantes. Polo que o Goberno rexional decretou o peche dos centros comerciais.
Aragón retorna á fase 3 e pecha os establecementos non esenciais. Madrid amplía os peches perimetrais a 18 áreas sanitarias e 5 municipios.
Así as cousas, comunidades autónomas e Ministerio de Sanidade analizarán esta tarde conxuntamente o panorama que alerta de que xa estamos na chamada terceira onda, que se visibilizará previsiblemente ao remataren os festivos e que coincidirá coa marcha de Salvador Illa a finais de mes e coa remuda no Ministerio.