CRTVG

Buscar

Reparto de fondos e pacto con Bildu, protagonistas na conferencia de presidentes

Publicado o 24/05/2020 20:21

O pacto con Bildu e o reparto de fondos para as comunidades autónomas convertéronse en protagonistas na conferencia de presidentes. Foi o lehendakari, Iñigo Urkullu, o que cuestionou o acordo cos abertzales. Mentres, Pedro Sánchez instaba as comunidades a poñerse de acordo sobre o reparto dos 16.000 millóns de euros anunciados hai semanas e Torra reclama nove mil millóns máis para Cataluña.

O acordo con Bildu sobre a reforma laboral é un dos grandes protagonistas políticos da semana e Iñigo Urkullu sacouno a colación na conferencia de presidentes. O lehendakari díxolle a Sánchez que é "desconcertante". Desde o PNV transcendeu un forte malestar polo protagonimso outorgado aos abertzales a menos de dous meses das eleccións vascas.

Outro tema de referencia foi o reparto do fondo de 16.000 millóns non reembonsables para as comunidades. Pedro Sánchez dixo que hai que chegar a un acordo canto antes sobre as cantidades destinadas a cada autonomía, porque o Goberno está disposto a realizar o primeiro pagamento en xullo.

O presidente catalán, Quim Torra, xa se descolgara nas horas previas á conferencia cun novo pedimento para salvar a economía catalá. "Son absolutamente imprescindibles para reactivar a economía e salvar os postos de traballo: un paquete de corenta medidas que afectan a todos os ámbitos de goberno, desde as débedas e infrafinaciamentos pendentes, que poden ascender a nove mil millóns de euros".

Este pedimento de nove mil millóns é a maiores dos catro mil millóns que xa reclamara no reparto dese fondo non reembonsable. Torra tamén lle dixo a Sánchez que se seguirá negando a máis ampliacións do estado de alarma mentres non se retome a mesa de diálogo para Cataluña.

Finalmente, Sánchez pediulles aos presidentes autonómicos que potencien o turismo nacional sen descoidar o internacional, tema no que primou o consenso. Ademais anunciou que varias comunidades quedarán xa fóra dos estado de alarma en datas próximas, sen máis concreción polo de agora e sempre que a evolución da pandemia sexa positiva.

Noticias web

24/05/2020