Reparte 60 décimos de lotaría entre os sanitarios que o atenderon na UCI da covid-19
Parece o guión dun anuncio da lotaría de Nadal, pero é un caso real: un paciente de covid-19, que pasou máis dun mes e medio ingresado no hospital de Ourense, entre a vida e a morte, agasallou os sanitarios que o atenderon con lotaría de Nadal. Mercou 60 décimos, para repartir entre os preto de 300 sanitarios que o atenderon.
5.520 é o número que este agradecido paciente escolleu para o sorteo de Nadal. Non é casual, corresponde ao cinco de maio de 2020, a data en que lle deron a alta na UCI da covid-19, tras dúas pneumonías que o retiveron na unidade de coidados intensivos durante 42 días, seis máis en planta.
"Non tiña que facelo porque é o noso traballo e facémolo con gusto, pero que dúbida cabe que os agradecementos nos gustan a todos", comenta unha sanitaria ás portas do hospital.
Aínda arrastra as consecuencias da enfermidade, pero non quixo deixar pasar estas datas sen mostrarlles o seu agradecemento aos sanitarios que o atenderon. Pensou en agasallalos con ilusión, a da lotaría, 60 décimos a repartir entres 283 persoas, a listaxe de sanitarios que traballaron na UCI covid-19 durante a primeira onda.
"Aí demostrou o ben que se portaron con el, e con todo o mundo, pero el foi moi agradecido". "Eu tamén teño o meu home hospitalizado e entendo que estea agradecido". "Isto non se paga con cartos, pero é unha maneira de agradecerlle a alguén que se molesta por ti", din varios usuarios do hospital.
Non quere publicidade, que se coñeza a súa identidade, pero si recoñecemento para o labor dos sanitarios, a luz que o guiou nos momentos de dúbida e temor, segundo relata nunha carta que lles dirixiu.
"Tendo en conta o que estamos pasando, un xesto de irmandade é fundamental"; "Esquecernos dos malos momentos e alentar as cousas boas", comentan dous pacientes.