CRTVG

Buscar

Moción de censura a Torra e renuncia do director xeral dos Mossos na véspera do 1-O

Publicado o 30/09/2019 18:33

O xuíz que a semana pasada detivo os sete independentistas con material explosivo implica o chamado CNI catalán nos preparativos para un asalto ao Parlament coincidindo coa sentenza do procés. Ciudadanos cre que as sospeitas de que Torra puido axudalos xustifican unha moción de censura.

Lorena Roldán, voceira de Ciudadanos, cre que "se traspasou unha liña vermella gravísima. Xa non só está en xogo a convivencia entre cataláns, tamén se está poñendo en xaque a seguridade".

O PP apoiará a moción, aínda que non teña visos de prosperar. Desde Barcelona, os populares instaron a Sánchez a asumir o control dos Mossos d'Esquadra a través da Lei de seguridade nacional. 

Teodoro Garcia Egea, secretario xeral do PP, di que "o señor Pedro Sánchez debería tomar as rendas, aplicar a Lei de seguridade nacional e non utilizar este baleiro de actuacións do señor Sánchez en Cataluña como moeda de cambio aos independentistas. A equidistancia do señor Sánchez estana pagado moitos cataláns".

Pero de momento, Sánchez confórmase con este aviso.

Pedro Sánchez, presidente do Goberno en funcións, di que "os independentistas levan moito tempo equivocándose. Cometeron erros xigantescos. Reclámoles que non cometan o peor de todos eses erros, que non xoguen con lume, que condenen a violencia".

O director da policía catalá presentou este luns a súa dimisión. Andreu Martínez alega motivos persoais para deixar o cargo na véspera dun 2º aniversario do referendo do primeiro de outubro en que se temen incidentes como os vividos o ano pasado.