CRTVG

Buscar

Facenda prevé devolver 10.468 millóns na campaña de renda, un 4,5% máis

Publicado o 02/04/2019 17:02

Os contribuíntes temos desde hoxe cita con Facenda. Comeza a campaña da renda que se prolongará ata o próximo 1 de xullo. Desde a Axencia Tributaria advirten de que se vai intensificar o control sobre os contribuíntes con rendas no extranxeiro e sobre os propietarios de vivendas en alugueiro. Tamén se vai advertir por primeira vez aos que realicen operacións coas chamadas criptomoedas ou divisas descentralizadas.

Toca facer contas con Facenda. Están obrigados desde hoxe todos aqueles contribuíntes que superen os 22.000 euros anuais, 12.643 euros no caso de dous pagadores. Este ano a Axencia Tributaria vixiará especialmente os contribuíntes que teñan bens no estranxeiro ou vivendas en réxime de alugueiro. Xa constatan un aumento das declaracións. 

Gonzalo García Canuto, Axencia Tributaria: "Houbo un incremento significativo de presentación de declaracións. Estanse presentando 800 declaracións por minuto neste momento".

Desaparece a tributación por maternidade ou paternidade e aumentan as deducións por gastos de garderías. Máis vantaxes tamén para os autónomos que traballen desde a casa. Poderán deducir as facturas de auga, luz, teléfono e Internet, e mesmo algúns gastos en hostalería. Os expertos recomendan asesorarse previamente.

Barbara Vega, asesora fiscal: "Escoitamos as deduccións xerais e non se presta tanta atención ás autonómicas. Aquí en Galicia temos por novas tecnoloxías, por investimento en empresas de nova creación...".

A declaración pode presentarse por Internet, mediante a aplicación móbil da Axencia Tributaria, co plan de axuda telefónica ou presencialmente nas oficinas desde o 14 de maio. Desaparece ademais a posibilidade de solicitar a declaración en papel, aínda que se pode imprimir a vista previa do borrador.

 

Noticias web

02/04/2019