CRTVG

Buscar

Remite a violencia en Cataluña tras unha semana de disturbios

Publicado o 21/10/2019 08:34

Fai unha semana da sentenza do procés que deixou días de protestas e graves disturbios en Barcelona e noutras cidades catalás. Esta noite pasada foi a primeira xa sen incidentes. Houbo concentracións diante da Xefatura da Policía e da Delegación do Goberno. Para esta mañá ás dez hai convocada outra manifestación na Cidade da Xustiza.

A semana de protestas e mobilizacións tras a condena dos líderes do procés, que se iniciaba o luns pasado coa ocupación do aeroporto do Prat, deixou graves episodios de violencia e disturbios en toda Cataluña, que se saldaron con 600 feridos e 194 detidos. Unha trintena deles xa ingresaron en prisión. 288 feridos son membros das forzas de seguridade, 13 deles aínda seguen hospitalizados. Tamén 4 manifestantes perderon un ollo polo impacto de pelotas de goma, da policía, ou proxectís de foam, que usan os Mossos. O ministro do Interior en funcións defendía nas últimas horas onte a actuación policial para atallar un problema que cualificou de estrita orde pública.

"Actuación lexítima das forzas e corpos de seguridade do Estado para neutralizar a violencia e seguir avanzando para anulala", dicía Grande-Marlaska.

O Concello de Barcelona ofrecía onte un balance dos danos que os disturbios deixaron en mobiliario urbano, vehículos e saqueos, que cifraba en dous millóns e medio de euros.

Con todo, a violencia remitiu esta fin de semana. Aínda que a noite do sábado houbo barricadas e saqueos, apenas se rexistraron incidentes. Evitáronos grupos de voluntarios de entidades soberanistas que formaron un cordón humano entre a policía e os radicais. Durante o día de onte xa non houbo enfrontamentos nin disturbios. Houbo concentración diante da Xefatura de Policía e tamén diante da Delegación do Goberno, en que, segundo Garda Urbana, participaron 2.700 persoas. A protesta limitouse a guindar bolsas de lixo ao outro lado do valado de protección instalado polos Mossos d'Esquadra. Despois, a protesta derivou en cortes de varias das principais arterias da cidade, coma a avenida Diagonal ou a Meridiana.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/10/2019