CRTVG

Buscar

Alivio tras finalizar a ABAU; dentro dunha semana coñecerán as notas

Publicado o 09/07/2020 21:16

Na última xornada dos exames para o acceso á universidade víase moito máis sosego que nervios entre os estudantes. Logo da tensión acumulada, esta mañá unha gran maioría sentía alivio porque xa tiñan preto a fin das probas.

"O estrés acabouse, queda o final e estou moi tranquila, a verdade", di unha estudante. Outro afirma que "é canso, porque un día detrás doutro... á parte como estás coa túa xente, estás acostumado e, ben". E outro di: "Este último día que xa vin como era todo, hai nervios polo último exame que teño. Pero sobre todo, é esgotador".

Os resultados condicionarán entrar nunha carreira universitaria ou noutra ou non entrar, polo que estes días falouse desas inquedanzas. Para algúns ese futuro estaba colgando do fío que supón o derradeiro exame da ABAU e iso ocasiona máis nervios que outro día.

"Porque dependo da nota para entrar na carreira que quero, Medicina", afirma un estudante ás portas do exame de Bioloxía. "Aínda non o teño claro, di unha estudante respecto ao futuro universitario. Outra fala de opción: "Si, estou pensando entre ADE e Socioloxía". Máis decidida amósase outra estudante: "Si, Filoloxía Inglesa". "Intentarei entrar na facultade de Historia de Santiago", explica un compañeiro.Outra moza afirma: "Vou estudar Belas Artes". "Quero facer Psicoloxía", di outro. "Estou a facer un ciclo e, cando o acabe, Odontoloxía", di unha das que vai examinarse e outro manifesta non telo resolto:"Comunicación Audiovisual, Educación Infantil... entre outras".

Para o alumnado participante o duro da ABAU do ano do coronavirus acabou. Para a organización coordinada desde a CIUG o traballo segue.

Celso Rodríguez Fernández, delegado na Comisión Interuniversitaria de Galicia CIUG explica que: "Entran en funcionamento arredor de 790 persoas que van corrixir os exames. Esas persoas recibiranos o venres pola mañá algúns, outros pola tarde. Simplemente en función da hora en que se fixeron os exames outras veces eran todos polo mañá, agora non pode ser. E en función tamén de que necesitamos espazo para que as trinta materias poidan estar separados, recibir os exames coas instrucións de correción, non".

Está previsto que o 16 publiquen as cualificacións e que llas comuniquen por correo electrónica a cada participante. Serán as notas que para máis de 14.400 estudantes marquen a fin dunha etapa e o comezo doutra. E tamén o broche a uns meses de incerteza e esforzo que case todos están desexando celebrar. Iso si, na CIUG recomendan que se apracen esas festas ante o momento sanitario que vivimos.

Noticias web

09/07/2020