CRTVG

Buscar

Remata unha campaña electoral atípica, marcada pola covid-19 e o brote da Mariña

Publicado o 10/07/2020 23:02

Galicia despide este venres unha tan atípica como decisiva campaña marcada polos efectos da pandemia na Mariña, onde os 182 casos activos de contaxios rexistrados ata este venres obrigaron a endurecer as medidas en Burela,que concentra o 80% das infeccións, e, así as cousas, a súa poboación ten prohibido abandonar o municipio durante cinco días, a contar desde as doce desta noite.

Este rebrote foi o tema principal de todos os candidatos. Dende Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez-Reino decidiu chegar ata o Tribunal Supremo polo seu enfado coa decisión da Xunta Electoral Central de avalar as votacións o domingo na comarca lucense. E a mesma decisión tomou Pancho Casal, o cabeza de cartel da Marea Galeguista.

Nas eleccións autonómicas de 2016 ambas organizacións concorreron xuntas baixo a fórmula En Marea, aquela que levou o PSdeG a colocarse como segunda forza e que nesta lexislatura acabou escindida por varias loitas internas.

Os socialistas, con Gonzalo Caballero á fronte, tamén solicitaron sen éxito suspender os comicios nesa castigada comarca, que sumou ao problema de Alcoa, o da volta dunha enfermidade para a que non hai vacina.

Son dous os únicos presidentes socialistas que tivo Galicia, Fernando González Laxe, entre setembro de 1987 e febreiro de 1990, cando unha moción de censura apartou a Xerardo Fernández Albor do poder, e Emilio Pérez Touriño, entre 2005 e 2009, cando Manuel Fraga quedou a un escano de revalidar a que seria a súa quinta maioría absoluta.

O PP, e antes a súa matriz, Alianza Popular (AP), soamente tivo dous candidatos na comunidade en todo este tempo: o propio Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo, que hoxe busca igualar o récord do seu antecesor. Para o último día reservou o dirixente 'popular' estar nas principais cidades galegas, con peche en Ferrol e inicio en Santiago, onde reivindicou unha festa da democracia “libre, tranquila e segura” fronte á “estratexia do medo” que, cre, tratan de impoñer os seus adversarios, aqueles que, aos seus ollos, o que buscan é a desmobilización.

"Pido que en Galicia tamén gañe a democracia sobre os que asustan á xente!", proclamou na Coruña. onde pediu o voto "coa humildade" de quen sabe "que un político non é nada se a xente non lle vota" e garantiu que el non se presenta "para derrotar a ninguén" porque, tras tres maiorías absolutas consecutivas, "xa" lle "chegan" as veces que gañou "grazas aos galegos". 

O líder do PSdeG e postulante, Gonzalo Caballero pisou o acelerador para solicitar apoios, no seu intento de que se produza o cambio. Contaba co apoio en Vigo do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pero unha varía no avión impediullo.

Gonzalo Caballero pediu "desatascar" Galicia "sacando ao PP da Xunta" fronte a un Alberto Núñez Feijóo que "non foi capaz de darlle solucións" aos problemas dos galegos. "A dereita xa non representa o futuro", expresou.

No mitin de peche de campaña ofrecido no Parque de Castrelos de Vigo ante uns 900 asistentes e arroupado pola plana maior do partido e o ministro José Luis Ábalos, asegurou que a "política da confrontación e a deslealdade" que caracteriza a acción de Feijóo é "parte do problema" dunha Galicia que hai que "desatascar" sacando ao Partido Popular da Xunta.

A nacionalista Ana Pontón optou por dirixirse con vehemencia aos mozos e indecisos, aos que convida a “facer historia”.Pontón apelou a facer "historia" este domingo para lograr que por primeira vez unha muller sexa presidenta da Xunta e para "confinar ao PP na oposición".

"Xogámonos o futuro, cambiar o rumbo dun país que nos están esnaquizando", expuxo, instando a acudir a votar o domingo no mitin de peche de campaña na praza de María Pita da Coruña. Nel, pediu "unha gran mobilización" por parte dos que están "fartos" dos "obstáculos" e queren "que esta terra se levante". 

Antón Gómez Reino, á súa vez, acompañado nesta xornada pola ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, coa que quixo compartir na capital galega, urxiu a “fin da ocultación e a corrupción” e fixo ver que, se se quere, a alternativa é moi posible.

Gómez-Reino, invocou "o espírito do Nunca Máis, o municipalismo de 2015 e a unidade popular de 2016" para logar a mobilización nas urnas do electorado "progresista" e "deixar atrás a década escura" do Alberto Núñez Feijóo, cuxa derrota, segundo o político morado, "será a vitoria de todas". 

Pancho Casal, de Marea Galeguista, partido que incluíu un coloquio feminista na súa despedida, convidou a cambiar as cousas A Marea Galeguista pechou campaña en Pontevedra, nun día en que Casal lamentou que socialistas e nacionalistas estean máis interesados por ver quen é cabeza da oposición que por artellar unha alternativa real a Feijóo.

A candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, arrincou o último día da campaña de fronte ao 12-X cargando contra o nacionalismo, ao que acusou de “dividir e enfrontar” e, ademais, “de xestionar mal”. Así o manifestou no encontro “Stop nacionalismo” organizado en Santiago de Compostela, no que estivo acompañado polo portavoz da formación laranxa nas Cortes Valencianas, Toni Cantó, e o deputado no Congreso Guillermo Díaz.

“A inmensa maioría dos galegos estamos orgullosos da bandeira de Galicia, a do noso cartel electoral, e estamos orgullosos tamén da bandeira de todos os españois: non hai que esconder ningunha das dúas porque as dúas son nosas”, sinalou Pino.

O secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, e o portavoz no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros, escolleron este venres o municipio de Lalín (Pontevedra) para concluír unha campaña das autonómicas marcada por un constante ambiente de tensión debido ás contramanifestacións coas que se toparon os seus mitins.  

Cos berros dos protestantes de fondo, Ortega Smith puxo o broche final á carreira cara ao 12 de xullo acusando o presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, de ser unha "fraude personalizada" e un "tramposo", por ser un "nacionalista disfrazado" con políticas "de esquerdas". 

Todos queren ver como os tratarán as urnas o 12-X. 

 

Noticias web

10/07/2020