Remata sen avances a mesa multilateral de Alcoa, que se nega a negociar a venda
• O Goberno dalle de prazo a Alcoa ata o 3 de decembro para negociar a venda da factoría de San Cibrao
A mesa multilateral de seguimento da crise da planta de Alcoa en Cervo concluíu sen novidades, segundo destacan fontes da Delegación do Goberno. O encontro, desenvolto de maneira telemática, durou ao redor dunha hora e 10 minutos e a empresa mantivo o mesmo posicionamento, contrario á venda da factoría a un investidor ou á sociedade estatal de participacións industriais (SEPI).
Por parte do Goberno central, "mantívose a vontade absoluta de diálogo, disposto a negociar desde o principio para buscar unha solución", destacan estas fontes. Ao mesmo tempo desa "liña de diálogo aberto e fluído, sen condicións, para chegar a unha solución" coa empresa, o Executivo de Pedro Sánchez mostrou "firmeza absoluta na parte xudicial de defensa dos intereses dos traballadores", resaltan as mesmas fontes.
Alcoa afirmou que "sempre priorizou o diálogo e a transparencia co Goberno e os representantes dos traballadores". Por iso, "aínda que non hai ningunha novidade" que poida alterar a súa postura en relación coa planta de Aluminio Primario de San Cibrao, Alcoa acudiu este luns á reunión como mostra desa actitude de diálogo que mantivemos sempre", precisa a multinacional. Lembra que "anunciou hai xa oito meses a necesidade de adoptar medidas urxentes para afrontar a difícil situación da planta de San Cibrao". Segundo Alcoa, a planta de aluminio primario perdeu 151 millóns de euros desde 2018.
A Xunta: "Alcoa perdeu unha nova oportunidade para unha saída digna"
Por parte da Xunta, o vicepresidente económico, Francisco Conde, fixo un "balance negativo pola actitude de Alcoa" na cita deste luns. "Perdeu unha nova oportunidade para buscar unha saída digna ao conflito", lamentou. A través dun audio remitido aos medios de comunicación, Conde chamou a atención sobre a oferta de ambas as administracións para "reiniciar as negociacións e por tanto identificar un punto de entendemento", pero sinalou que "foi rexeitada".
Neste contexto, e ante a única opción que manexa a Xunta, que é "que se manteña a actividade en San Cibrao", avisou de que o Goberno galego chegará "ata as últimas consecuencias, incluída a intervención" e nun escenario de "unidade" de acción xunto ao Executivo central e o comité de empresa.
Os representantes dos traballadores, pola súa banda, precisaron que o ofrecemento do Goberno pasaba por sentar "a negociar punto por punto onde se deixou a negociación" o pasado 27 de setembro, "para chegar a un acordo entre Alcoa e a SEPI". Pero "Alcoa segue dicindo que non cambiou o escenario polo que decretou os despedimentos", que afectan, en total, a 524 traballadores da factoría de aluminio.
Un despedimento colectivo que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) entendeu que se pode acometer na resolución sobre as medidas cautelares coas que, de todos os xeitos, lle impide parar as cubas de electrólise.
Precisamente o próximo 3 de decembro xulgarase, por outra vía, a demanda interposta polos sindicatos contra ese despedimento colectivo, e o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, tamén a través dun vídeo remitido aos xornalistas, esixiu ao Executivo de Sánchez que os declare "estratéxicos" para a partir de aí iniciar "un expediente de intervención ou expropiación da empresa". "Porque a empresa non dá visos de dar para atrás", censurou.
"Cremos que Alcoa debe aceptar", insistiu Zan, antes de lembrar que a compañía "está a perder diñeiro" debido á folga indefinida e o bloqueo de material. "Nós non nos imos mover, seguimos firmes e imos seguir loitando", concluíu.