Remata sen acordo o primeiro cumio europeo para abordar o plan de recuperación
Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea non lograron este venres chegar a un acordo sobre o plan de recuperación económica tras a pandemia no seu primeiro debate sobre o tema, un resultado esperado pero que obriga a celebrar un segundo cumio a mediados de xullo en Bruxelas para seguir negociando.
"Saúdo a disposición (dos países da UE) a comprometerse. Estou totalmente comprometido a comezar inmediatamente as auténticas negociacións cos Estados membros e espero ter un cumio físico ao redor de mediados de xullo en Bruxelas", dixo o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, tras un cumio dos líderes comunitarios por teleconferencia que durou apenas catro horas.
Michel lembrou que a cita de hoxe era unha "primeira ocasión para negociar" e afirmou que serviu para "observar que hai un consenso emerxente, o que é moi positivo", pero ao mesmo tempo instou a "non infravalorar as dificultades" debido a que hai diferentes puntos de vista en certos temas polo que a negociación terá que continuar.