CRTVG

Buscar

Remata sen acordo a xuntanza entre o conselleiro de Sanidade e os traballadores do hospital de Verín

Publicado o 02/12/2019 22:37
Remata sen acordo a xuntanza entre o conselleiro de Sanidade e os traballadores do hospital de Verín

Non houbo acordo ao remate do encontro entre o conselleiro de Sanidade e os traballadores do hospital de Verín. Tras unha reunión de máis de dúas horas, as partes non chegaron a un consenso. A Consellería reafírmase na súa decisión de pechar o paritorio de Verín, mentres que os profesionais e membros da comisión do hospital criticaron que se "desoen as súas alternativas" para evitar o peche.

Por un lado, o conselleiro de Sanidade apuntou que foi unha reunión "cordial" e trasladou unha decisión "difícil" que busca a "seguridade e a calidade" tanto das mulleres como dos nenos na comarca de Verín. E entenden que nestes momentos por diferentes circunstancias, entre elas a baixa natalidade, hai que tomar unha decisión por "seguridade". A sala de partos "non se pode manter aberta" por cuestións "de seguridade" e por calidade do servizo ás nais e aos nenos. No tocante ás alternativas presentadas polos profesionais, Almuiña tildounas de "parciais". Incidiu no feito de que "todo se pode reevaluar nun futuro se se demostra que as circunstancias cambiaron".

Por outro lado, os profesionais calificaron o encontro de "perda de tempo". Saímos coa visión de que non se nos tivo en conta para nada", afirmou Begoña Pérez, matrona do Hospital de Verín. Entre as alternativas formuladas atópanse "aumentar a mobilización dos profesionais en vez das parturientes" ou "converter o hospital de Verín nun centro de referencia en partos de baixa intensidade". Así mesmo, expresaron o seu desexo de continuar coas mobilizacións, posto que a Consellería non atende ningunha das alternativas formuladas para manter aberto o paritorio. 

O conselleiro de Sanidade reuniuse cunha representación dos traballadores do Hospital de Verín. Ademais de Vázquez Almuíña, na reunión tamén estiveron presentes a delegada da Xunta en Ourense, o xerente da Área Sanitaria de Ourense e máis o xerente do Hospital Verín. O encontro comezou ás oito da tarde nas instalacións da delegación da Xunta en Ourense e prolongouse ata pasadas as dez da noite. Prevese que traballadores do centro e veciños pasen a noite no hospital. 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí