Remata oficialmente a vendima en Galicia coas últimas uvas recollidas en Valdeorras
Os operarios recollen os derradeiros acios da vendima de 2021 en Galicia. Dous meses despois de comezar a campaña, tamén na comarca de Valdeorras, ponse o punto final a un ano de colleita histórica en canto a produción nas cinco denominacións de orixe galegas.
Nunha parcela situada a máis de 700 metros de altitude é a ultima en vendimar, porque tamén é onde a uva nace máis tarde. O frío en zonas tan elevadas ten vantaxes, pero tamén os seus riscos. A calidade é moi alta, aínda que a produción vese reducida.
As uvas, da caste godello, aparecen cubertas por bentonita, unha terra ecolóxica que as protexe da humidade que deixan as noites frías e as chuvias da pasada semana. Ademais, recóllense en caixas con non máis de oito quilos de froito para que cheguen sen minguas á adega.
Os viñedos situados a tanta altura requiren duns coidados especiais e mesmo se recorre a un cabalo e unha mula para que o laboreo da viña non a deteriore.
Unha vendima tan esmerada remata cunha rigorosa selección da uva acio por acio e ata bago a bago. A recollida desta uva demorouse, igual que se vai demorar o viño, que tardará algo máis de ano e medio en saír ao mercado.