CRTVG

Buscar

Remata o xuízo contra a banda de narcos que impregnaban cocaína en equipaxes

Publicado o 02/04/2019 14:43

Esta mañá quedou visto para sentenza o xuízo contra unha suposta banda criminal acusada de introducir droga no noso país a través de bolsos e maletas impregnadas en cocaína. O Ministerio Fiscal volveu ratificar as penas para os nove acusados alegando que queda acreditada a súa colaboración como grupo organizado, tras as conversas telefónicas e as reunións previas que mantiveron, así como a existencia dun laboratorio en Madrid para a extracción desta droga.
O Ministerio Fiscal, nesta última xornada de xuízo en Vigo, quixo acreditar que os nove acusados forman parte dunha banda criminal que actuaba de forma coordinada para introducir cocaína no noso país a través de maletas e bolsos impregnados con esta substancia que logo un suposto químico extraía nun pequeno laboratorio en Madrid. Unha acusación que sosteñen as escoitas telefónicas que levaron a cabo axentes da Policía Nacional en colaboración con UDYCO Galicia nos meses previos á súa detención e aos testemuños de varios policías.

Nesa alegación final, a Fiscalía considera a Álvaro Menéndez máximo responsable desta banda por ter os contactos con Paraguai e Colombia para traer esta droga primeiro a través de correos humanos e despois, cun segundo envío, a través de paquetería postal. Tamén coma el daba as instrucións precisas ao resto de colaboradores, en total nove acusados, varios deles da Arousa. Para el piden once anos de cadea e unha multa dun millón de euros.

As defensas pediron a libre absolución e nalgún caso a nulidade dun xuízo que consideran irregular por non contar cun procedemento previo a esa instrución. Os nove acusados suman en total 71 anos de cadea e multas económicas que van do millón aos 62.000 euros.

Noticias web

02/04/2019