CRTVG

Buscar

Remata o xuízo á enfermeira de Alcalá acusada de matar dúas doentes

Publicado o 21/06/2019 14:05


Conclúe hoxe en Madrid o xuízo a enfermeira acusada de matar dúas doentes inxectándolles aire nas veas. Beatriz López declarouse inocente, pero as familias das vítimas non só cren que é culpable, senón que pode estar implicada noutras mortes que aconteceron en circunstancias estrañas.

Beatriz López escoitará hoxe os informes forenses de por que morreron de súpeto as dúas mulleres que estaban ingresadas na quinta planta do hospital de Alcalá en que traballaba ela.

Unha planta na que se instalara un sistema de videovixilancia e que gravou como a auxiliar de enfermería entraba e saía da habitación da segunda das mulleres pouco antes de que esta morrese.

A defensa de López, pola súa banda, achegará os informes de dous ex-forenses que cuestionarían as acusacións de que foi ela quen introduciu aire nas veas das doentes.

O xuízo conclúe coa petición do fiscal de corenta anos de cadea. As acusacións populares e particulares piden prisión permanente revisable porque xa no 2013 tentara supostamente matar outra doente sen conseguilo.

Ademais están convencidas de que a acusada pode estar implicada noutras mortes que aconteceron en circunstancias estrañas pero que non se investigaron.

Noticias web

21/06/2019