CRTVG

Buscar

Derradeiras horas para salvar o emprego en Alcoa

Publicado o 28/09/2020 11:00

•  A empresa convocou este mediodía os representantes dos traballadores a unha reunión en Nigrán para negociaren un ERTE

• Miles de persoas reivindican a continuidade da produción de aluminio primario en San Cibrao

Rematou sen acordo o prazo que se deron Alcoa e Liberty House para tentar pechar a venda da factoría que a multinacional estadounidense do aluminio ten en San Cibrao. A empresa convocou hoxe os representantes dos traballadores a unha reunión en Nigrán para negociaren un ERTE; outramente, aplicará o ERE de extinción para 534 operarios, que afectará a un milleiro cos das auxiliares. A cita está fixada para as 12 h en Nigrán. Ás 09:30 estaba previsto o encontro telemático entre a propia Alcoa, o comité, os sindicatos, o Ministerio de Industria e a Xunta, en teoría só para informar do fracaso da venda.

Os Gobernos galego e central chamaron á multinacional a reflexionar antes desa xuntanza sobre as consecuencias que terá a súa decisión para os traballadores e as súas familias e para a comarca da Mariña e emprázana a aceptar algunha das solucións que lle ofreceu o Executivo central para salvar a factoría. Ambas as administracións aseguran que actuou de mala fe ao longo das últimas semanas, nas que rexeitou de xeito sistemático e sen argumentos todas as ofertas que lle puxeron enriba da mesa. Así o di o Ministerio nun comunicado en que asegura que a multinacional non só rompeu as negociacións con Liberty unha hora antes de que rematara o prazo para pechar un acordo senón que se negou a aceptar a proposta do Goberno de comprar temporalmente a factoría a través da SEPI para venderlla a continuación á empresa británica.

A ministra Reyes Maroto e o vicepresidente Económico da Xunta, Francisco Conde, reuníronse telematicamente con representantes de UXT, CCOO e a CIG para trasladarlles o seu malestar con Alcoa e a decepción pola ruptura da negociación. Reiteráronlles que seguirán traballando na procura dun acordo que garanta os empregos e as capacidades produtivas da fábrica co obxectivo de que non pare a produción. Esa é unha das liñas vermellas dos operarios, que se negan a unha hibernación das cubas de electrólise na que o grupo americano non para de teimar.