CRTVG

Buscar

Remata o prazo de pedir cita previa para realizar a declaración da Renda

Publicado o 29/06/2020 09:21
Remata o prazo de pedir cita previa para realizar a declaración da Renda

Este luns é o último día de solicitar cita previa para que nos atendan por teléfono ou en oficinas e facer a nosa declaración da renda. O martes, 30 de xuño, finaliza o prazo para presentala, xa que conclúe a Campaña de Renda e Patrimonio 2019, segundo o calendario da Axencia Tributaria.

Quedan exentas de presentar declaración aquelas persoas con rendas inferiores a 22.000 euros anuais procedentes dun só pagador. O límite para a exención é de 14.000 euros anuais en caso de que a suma das cantidades percibidas do segundo e restantes pagadores superen os 1.500 euros anuais. 

Os contribuíntes poden fraccionar o importe da débeda resultante da súa declaración, de ser este o caso, en dúas partes: a primeira, do 60 %, no momento de presentar a declaración, e o 40 % restante, ata o 5 de novembro do 2020.

Naquelas declaracións con resultado para ingresar con domiciliación en conta, a campaña rematou o pasado xoves, 25 de xuño. Con todo, se nos decantamos por domiciliar soamente o segundo prazo do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, poderá facerse ata o 30 de xuño.

Por mor da crise da covid-19, a atención en oficinas para confeccionar a Renda, prevista inicialmente para o 13 de maio, adiouse ata o 8 de xuño; reduciuse á metade respecto ás campañas doutros anos.