CRTVG

Buscar

Remata o peche perimetral de Monforte, para alivio dos veciños de toda a bisbarra

Publicado o 26/11/2020 14:08

Os veciños dos sete concellos lindeiros con Monforte de Lemos xa puideron regresar á vila para facer as súas compras, xestións ou visitas. Un alivio para eles, pero sobre todo para os comerciantes que dende o pasado día 6 só podían atender clientes monfortinos que, ademais, saían pouco á rúa polo temor ante o alto número de casos de coronavirus.

Respiro tamén na hostalería despois de 20 días cos negocios totalmente pechados e sen poder dar servizo. Dende a pasada madrugada e respectando o toque de queda, xa se pode volver entrar e saír de Monforte ou desfrutar dunha consumición en bares, cafeterías e restaurantes. Os veciños celebran a fin do peche pero din que hai que manter a cautela.

"É un alivio para todos que poidamos volver os que vivimos noutros concellos. Agora hai que ter coidado". "Dá gusto poder tomar un café ou dar un paseo. É o que nos queda os xubilados". "Si, xa se nota máis actividade. Esto é outra cousa". "É moi bo para o comercio sobre todo. Os demais xa estabamos algo afeitos a estar pechados". "Se hai que pechar, que peche todo e non só a hostalería", eran algúns dos comentarios que se escoitaban esta mañá por Monforte.

Despois dun verán en que nalgunhas xornadas se chegou ao cen por cento da ocupación hoteleira na cidade do Cabe, estas semanas pechadas supuxeron un golpe para a economía do sector hostaleiro. Tamén o comercio se viu afectado, aínda que en menor medida, pola imposibilidade de que turistas ou veciños doutros concellos se achegaran. Monforte é a segunda poboación máis grande da provincia de Lugo, con preto de 20.000 habitantes.

Noticias web

26/11/2020