CRTVG

Buscar

Remata a xuntanza da mesa de diálogo de Cataluña tras tres horas de conversacións

Publicado o 26/02/2020 20:04
Remata a xuntanza da mesa de diálogo de Cataluña tras tres horas de conversacións

A reunión constitutiva da mesa de diálogo sobre o "conflito político" en Cataluña entre o Goberno e a Generalitat finalizou despois dunhas tres horas de conversacións e cun pequeno receso no medio, informaron fontes do Executivo. Presidida polo xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, e o president da Generalitat, Quim Torra, no encontro participaron, por parte do Executivo de Sánchez, a vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, e os ministros de Facenda, María Jesús Montero; Sanidade, Manuel Castells; Política Territorial, Carolina Darias e Transportes, José Luis Ábalos, aínda que este último ausentouse nada máis arrincar o encontro porque tiña unha comparecencia no Congreso dos Deputados.Tampouco participou na reunión outro dos membros da delegación do Executivo, o vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, por padecer unha forte amigdaliste.

Pola parte catalá, desprazouse a Madrid a delegación ao completo, formada, ademais de por Torra, polo vicepresidente Pere Aragonés, os consellers Jordi Puigneró e Alfred Bosch, os deputados Elsa Artadi, Marta Vilalta e Josep Maria Jové -este último investigado pola xustiza polo seu papel na preparación do referendo do 1 de outubro como número dous do vicepresidente Oriol Junqueras-, e o ex-xefe de gabinete de Torra e o ex-presidente Carles Puigdemont, Josep Rius.

Está previsto que ao termo do encontro ofrezan conferencias de prensa de maneira consecutiva na sala de prensa de Moncloa o president Torra e posteriormente a ministra portavoz, María Jesús Montero.