CRTVG

Buscar

O rei encárgalle a Pedro Sánchez a formación de goberno

Publicado o 06/06/2019 22:03

O rei Felipe VI propuxo o líder socialista, Pedro Sánchez, como candidato á presidencia do Goberno no debate de investidura, segundo anunciou hoxe a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, tras reunirse co xefe do Estado.

Rolda de consultas do rei cos líderes políticos

Pedro Sánchez pechou con Filipe VI a rolda de consultas da que podería saír o encargo de formar goberno. Pero o presidente chegou á Zarzuela sen ningunha negociación en marcha. Pablo Iglesias confesaba que hai 15 días que non fala co socialista. O líder de Podemos defendeu ante o rei a necesidade dun goberno de coalición proporcional co PSOE. Non lle vale cun acordo programático porque os papeis, di o líder de Podemos, lévaos o vento.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, dixo que "o que vimos nos últimos 15 días non leva a pensar que un goberno en solitario garanta políticas progresistas. O primeiro que fixo o Partido Socialista despois das últimas eleccións foi tenderlle a man a Ciudadanos".

Man que Ciudadanos rexeita. Albert Rivera promete unha oposición firme e non prevé sequera a abstención para evitar outros comicios.

Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, dixo: "Pídolle ao señor Sánchez que polo ben do país forme goberno cos seus socios, con aqueles que estivo gobernando comunidades autonomas, concellos, a moción de censura. Non podemos os que non imos estar no goberno e imos ser oposición facerlle o traballo".

O PP tampouco se absterá, pero entendería que o fixeran os dous deputados de UPN, socios dos populares en Navarra, se o PSOE acepta o cambio de cromos.

Pablo Casado, presidente do PP, dixo que "nós non estamos en contra de que Navarra Suma se poida abster, non imos poñer ningún impedimento se isto facilita que Navarra Suma goberne no goberno foral ou na alcaldía de Pamplona".

Tras verse co rei, a voceira de Junts Per Catalunya, Laura Borras, confirmou que os 3 deputados do seu partido suspendidos non renunciarán á acta. Como non poden votar, contarían como 3 abstencións que facilitarían as contas de Sánchez.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2019