CRTVG

Buscar

Remata a instrución da ocupación ilegal da Comandancia da Coruña, con sete investigados

Publicado o 10/06/2020 13:38

Foi en maio de 2018. Axentes da Policía Local estableceron un dispositivo de control e vixilancia na contorna da antiga comandancia de Obras. O obxectivo, segundo recolle o auto que acaba de facer público o xulgado de instrución número seis da Coruña era recuperar estas instalacións, que levaban ocupadas ilegalmente dende novembro de 2016. Logo dunha entrada pacífica, a tensión foi crecendo por momentos.

Diante do recinto empezaron a concentrarse ducias de mozos convocados a través das redes sociais, reclamando a recuperación da instalación como centro social ocupado. Isto ocasionou os primeiros incidentes coa Policía Local, que mesmo solicitou a intervención da Nacional.

O auto tamén recolle que días despois houbo protestas pola cidade, que remataron con desfeitas na sede da Marea Atlántica.

Estes feitos, segundo as actuacións practicadas, poderían ser constitutivos de delitos de desordes públicas, atentado, lesións e danos. Por iso, a instrutora ordena que a causa se manteña aberta contra sete persoas. E tamén acordou o sobresemento provisional e arquivo da denuncia que presentou un dos investigados, por non atopar indicios de delito. O auto pon fin á instrución. E contra el aínda cabe recurso.

Noticias web

10/06/2020