CRTVG

Buscar

Remata a campaña electoral máis curta da historia

Publicado o 08/11/2019 22:20

O presidente do Goberno en funcións e candidato polo PSOE pecha a campaña en Barcelona, pero antes estivo en Madrid. Son as dúas cidades que escolleron os principais candidatos ás eleccións xerais deste domingo. En Madrid estiveron os líderes do PP, de Unidas Podemos e de Vox, mentres que Ciudadanos celebra o último mitin na capital catalá. 

O PSOE fai un chamamento aos indecisos para formar un goberno "forte e estable"

No peche de campaña en Madrid, Pedro Sánchez pediu tamén un último esforzo de mobilización. O candidato socialista fixo un chamamento aos indecisos e aos votantes defraudados de Ciudadanos e Unidas Podemos, dixo, para que apoien un goberno, engadiu Sánchez, forte e estable.

Feijóo insiste en que a unión do voto no PP é a única opción de goberno

O Partido Popular de Galicia pechou campaña na Coruña. Alberto Núñez Feijóo insistiu en que un cambio é posible se se une o voto no PP porque é a única maneira, dixo, de que España teña un goberno respetuoso coas industrias, as infraestruturas e o financiamento de Galicia. Pablo Casado dixo no mitin de peche de campaña en Madrid que desde que Pedro Sánchez goberna todos os datos económicos se afunden, e que é necesario apoiar os populares para que retorne a moderación e o sentido común, ante a gravidade da situación que se vive en Cataluña.

Pablo Iglesias pediulle o voto a todos aqueles socialistas decepcionados co PSOE

Unidas Podemos pechou campaña en Madrid. Insiste en que Unidas Podemos será responsable e que o luns lle tenderá a man a Pedro Sánchez para formar un goberno de coalición progresista. Con todo lémbralle que non lle darán o seu apoio gratis e que é preciso un goberno que non lle deba nada aos poderosos.

En Común Unidas Podemos celebra o derradeiro acto de campaña en Santiago.  Neste acto da capital de Galicia pechan a campaña  os cabeza de lista das candidaturas das catro provincias.

Ciudadanos pechou a campaña en Barcelona pedindo a todos os moderados que o domingo voten laranxa

Ciudadanos pecha a campaña electoral en Barcelona cun mitin no que participan tamén os candidatos galegos. Rivera aproveitou este último acto electoral para lembrar que o voto a Ciudadanos vale para dar estabilidade política, para defender a unidade do país e para levar adiante as reformas que España precisa. 

O BNG pechou a campaña en Vigo pedindo o voto aos desencantados do PSOE e Podemos

O Bloque Nacionalista Galego ponlle o ramo a esta campaña electoral en Vigo. Ana Pontón pediu o voto para o BNG a todas as persoas desencantadas co PSOE e con Podemos.

Abascal di que Vox é unha alternativa patriótica e pide o voto para acabar coas políticas de esquerdas

Vox elixiu a madrileña Praza de Colón para o peche desta campaña electoral. Santiago Abascal dixo que Vox non é un partido, senón unha alternativa patriótica e pediu o voto para acabar coas políticas de esquerda.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí