Relato do rescate en Afganistán: "Unha nai tivo que elixir entre os fillos"
Leva xa uns días na casa e os recoñecementos continúan. Para este axente naronés, alcumado Raia 20, o vivido durante estes últimos meses en Afganistán foi unha das súas peores experiencias, despois de 27 anos no corpo; mesmo chegou a temer pola súa vida.
"En momentos, si, sobre todo no atentado do último día, o que pasa é que eu son tranquilo e ás veces tampouco son consciente desas cousas", comenta Víctor Bellón, pero sabe que hai imaxes que nunca vai poder esquecer. Coma a dun neno que "choraba e non por capricho, polo irmán, que quedou co pai. A nai tivo que elixir entre salvar un neno ou outro, e iso xa...".
Se por algo está contento é porque contribuíu a axudar a moitos a saír dun auténtico pesadelo. Como o que viviu un mozo afgán que puido escapar do seu país grazas á axuda que recibiu dos seus compañeiros de universidade. Hujjat Gaffari di: "A xente da nosa minoría étnica e relixiosa, o que facían era matalos. Nós tiñamos moito medo, tamén porque moitos membros da miña familia traballaban co Goberno anterior".
Dúas historias ben distintas, que ningún deles vai esquecer.