CRTVG

Buscar

Primeiras imaxes do narcosubmarino de Cangas

Publicado o 25/11/2019 16:05

• A TVG ofrece en exclusiva as primeiras dúas instantáneas do batiscafo, tomadas a noite pasada

A Televisión de Galicia pode ofrecerlles en exclusiva as primeiras imaxes do narcosubmarino apresado en Cangas. Trátase de dúas instantáneas tomadas esta madrugada.

Fontes da investigación consultadas pola Televisión de Galicia apuntan a que o máis probable é que ese submarino non chegase directamente desde Colombia, senón que fose lanzado desde unha embarcación nas proximidades da costa galega.

Hoxe vaise reflotar 

Os labores para tratar de reflotar o narcosubmarino cargado cuns 3.000 quilos de cocaína e interceptado onte polas forzas de seguridade reiniciáronse na mañá deste luns cun gran dispositivo de seguridade.

A Garda Civil, que xunto ao Servizo de Vixilancia Aduaneira e a Policía Nacional está a cargo da operación, cortou o acceso á praia, no Hío, fronte á que os narcotraficantes afundiron o submarino tras verse sorprendidos, segundo transcendeu da investigación.

De momento, aínda non chegou o buque chamado a colaborar nos labores para reflotar o submarino, de máis de vinte metros de eslora.

Na nave viaxaban tres persoas, dúas das cales, de nacionalidade ecuatoriana, foron detidas onte na praia de Foxo e están á espera de pasar a disposición xudicial, mentres que unha terceira conseguiu fuxir.

As autoridades ofrecerán información pormenorizada cando se reflote o submarino e se acceda a el para facer un reconto dos quilos de droga, ao parecer de gran pureza, que alberga no seu interior.

Primeiro narcosubmarino en Europa

Fontes da investigación indicaron que se trata da primeira vez que un un submarino deste tipo é detectado en Europa para introducir droga, e que este método foi empregado en ocasións por organizacións de narcotraficantes para chegar aos Estados Unidos con cargamentos de cocaína.

As pescudas céntranse agora en determinar que organización de narcos era a receptora da droga. Fontes próximas ao operativo, que integran Policía Nacional, Garda Civil e Axencia Tributaria, destacaron que se trata dun grupo "moi forte" e non descartan que se produzan detencións nos próximos días.

Aínda que as primeiras pescudas cifran que a embarcación está cargada con 3.000 quilos de cocaína de gran pureza, as fontes non descartan que a cantidade sexa superior xa que hai fardos tanto no interior do submarino como no fondo do mar, xa que os tripulantes trataron de desfacerse de parte da mercadoría.

A reconstrución da travesía do submarino que fan os investigadores sitúa o inicio da navegación fai máis de vinte días desde Colombia.

Foi despois cando as forzas de seguridade recibiron información de que unha embarcación sospeitosa navegaba polo Atlántico cara ás costas galegas pasando polas de Portugal, aínda que fontes próximas á investigación apuntaron que o destino final estaba máis preto das costas asturianas.

De feito, estas mesmas fontes indicaron que os tres tripulantes chegan a augas asturianas pero por un problema no submarino, danse a volta e regresan á costa galega.

As fontes precisaron que o obxectivo era que a droga fose trasladada a outra embarcación, unha operación que os tripulantes non chegaron a facer e que, con toda probabilidade, foi a razón para que decidisen afundir o submarino e fuxiu.