Regresan as visitas guiadas ao románico da Ribeira Sacra
Igrexas e mosteiros románicos da Ribeira Sacra xa están abertos para todos aqueles que desexen coñecer a historia que hai detrás da paisaxe chea de viñedos. Sen aglomeracións, sen présas, con boa parte das visitas ao aire libre e coas medidas de precaución sanitaria garantidas, os turistas teñen nesta confluencia do Sil e o Miño un lugar perfecto para pasar os días libres agora que as grandes viaxes están descartadas. Unha ocasión ideal para informarse de arte, historia e relixión.
"Non se pode facer turismo de moito tempo porque non sabemos se nos van volver mandar quedar na casa. Así que, por se acaso, hai que facer cousas preto."
As visitas deben facerse con reserva previa a través do Consorcio e as oficinas municipais de Turismo ou das empresas operadoras. Se ben o románico é o grande atractivo histórico-artístico da Ribeira Sacra, neste verán tamén se poderá desfrutar doutros elementos patrimoniais ata agora pouco coñecidos e que se queren poñer en valor.
"Imos facer un percorrido nocturno polos petróglifos, manifestacións de arte rupestre que temos moitas no sur de Lugo. Aínda non se lles dedicara moita atención, pero imos facer unha ruta íntegra por eles. Todos os xoves pola noite."
Na Ribeira Sacra confían en que o número de visitantes vaia aumentando a medida que avance o verán e as previsións son optimistas.