Regresan as oposicións en Galicia con protocolos sanitarios
A Xunta retomaba este domingo os exames de oposición logo de que as autoridades sanitarias pemitisen a súa celebración. Aos nervios habituais dos participantes sumábanse os protocolos de actuación para garantir a súa seguridade.
"Non vir con familiares, evitar as aglomeracións e que nos puxésemos nestes puntos brancos para garantir a distancia de seguridade".
"Só podiamos vir con máscara cirúrxica ou FFP2. Dentro creo que nos dan outra para poñer por riba ou para que a cambiemos".
No interior dos pavillóns, a distancia de seguridade entre os opositores era de catro a cinco metros.
Neste proceso selectivo están en xogo 129 prazas de fisioterapia, terapia ocupacional e de enfermería. Ao exame de fisioterapia acudiron 242 persoas, o 59 por cento dos convocados, ao de terapia ocupacional presentáronse 309, o 74 por cento dos aspirantes.
"Estou totalmente de acordo en que se intente volver á vida normal e que poidamos seguir con estes procesos, que moita xente os está esperando".
"Eu creo que non é o momento pola situación. É un pouco precipitado, eu son enfermeiro e estes meses non foron os máis adecuados para dedicar tempo e preparar estas oposicións".
A esta volta á celebración de exames acudiu o conselleiro de Administración Pública, quen asegurou que a oferta pública de emprego se ampliará proximamente.
"Este mes de marzo na Xunta de Galicia aprobaremos a oferta de emprego público do ano 2021, co cal completaremos a histórica oferta que fixemos no mes de decembro, que se correspondía coa oferta de emprego do ano 2020".
Segundo a Xunta, esta xornada transcorreu sen incidencias.