CRTVG

Buscar

Regresan a Galicia os policías destinados en Cataluña

Publicado o 29/10/2019 17:02

Regresan á casa os policías galegos destinados en Cataluña para manter a seguridade e a orde pública. Procedente de Xirona, un destacamento de 27 membros chegou ao cuartel coruñés de Lonzas. E tamén desde este mediodía, está en Vigo o segundo grupo de axentes do operativo que partiu desta comisaría. Os primeiros, que tamén recibiron unha benvida calorosa hai unha semana, retornaron hoxe mesmo a Barcelona.

Moita emoción, de novo, ás portas da comisaría de Vigo. Foron moitos días de preocupación para as familias dos axentes desta comisaría destinados en Barcelona. 

Tamén os policías quedaron conmovidos perante as mostras de afecto. A trintena de axentes acabados de chegar completa o operativo que desde a comisaría viguesa se trasladou a Barcelona. O grupo que o precedeu xa está de regreso a Cataluña. 

E no pensamento de todos, Iván, o axente vigués ferido que permanece hospitalizado en Barcelona, onde o acompañan catro compañeiros. Se a súa evolución continúa sendo favorable, podería ser trasladado a Galicia nos próximos días. 

Na Coruña recibían os 27 axentes do cuartel de Lonzas que desde primeiros de outubro formaron parte do dispositivo policial despregado en Xirona. A unidade policial chegaba ao cuartel de Lonzas entre os aplausos de compañeiros e familiares, tras os duros enfrontamentos con grupos independentistas. Situacións que nunca antes viviran.

"Vivimos outras cousas cando foran os mineiros ou algunhas mobilizacións de Navantia pero o de alí non". "Difíciles pero era o traballo que tiñamos que facer alí e creo que cumprimos co noso deber".

Desde o Sindicato Unificado de Policía denuncian a falta de medios coa que traballaron os axentes. Reclaman unha explicación por parte dos responsables. 

"Que asuman responsabilidades dese dispositivo e por que non se puido actuar con todo o que había eses días por exemplo cunha simple tanqueta de auga que tiñamos alí ao lado e o por que desa falta de material das unidades de intervención", di Sandra Castro, do SUP.

Piden tamén que se recoñeza o labor dos axentes coa distinción ao mérito policial que debería ser medalla de prata no caso dos feridos.

 

Noticias web

29/10/2019