Regresa a fragata Cristobal Colón despois de cinco meses de misión no Mediterráneo
Veñen de estar 5 meses participando como buque de mando nunha misión de paz e de vixilancia da seguridade marítima polo Mediterráneo máis oriental. Foron 150 días en que, por mor da covid, os 220 membros da dotación, nunca puideron pisar terra firme.
Juan Bautista Payá, capitán de fragata: "Realmente dende mediados de outubro, a dotación non puido saír, todavía, a dar un paseo pola rúa".
Como buque de mando, a fragata participou en exercicios internacionais, pero tamén en misións reais.
Juan Bautista Payá, capitán de fragata: "Fixemos labores especialmente de seguridade marítima que como saben é toda a localización, detección e seguimento de tráfico ilegal ou de actividades ilegais en todo o Mediterráneo, especialmente en zonas máis complicadas como o Mediterráneo oriental ou o mar Negro".
No acto de recibimento houbo palabras de lembranza para os familiares da dotación que morreron vítimas da covid.
Juan Bautista Payá, capitán de fragata: "Dezanove persoas da dotación perderon familiares, pais, algún irmán e incluso avós. Foron momentos duros".
Agora tocan días de reencontro e de descanso. O 10 de maio volverán saír outra vez ao mar para participar, desta volta, nun exercicio de defensa nun suposto escenario de múltiple ameaza, onde mesmo haberá un lanzamento real de mísiles.