Reganosa anuncia un crecemento superior ao 60 % na súa actividade durante o 2020
O buque María Energy é un buque metaneiro, transporta gas natural licuado dende os países onde se produce ata os países onde se consome. O barco fai parada en Reganosa para unha operación de posta a punto, aquí arrefrían os depósitos e realizan unha carga mínima para manter a temperatura óptima ata chegar ao seu destino, os Estados Unidos, alí cargará os seus tanques que teñen capacidade para máis de 170.000 metros cúbicos de gas natural licuado, valorado polo seu menor impacto ambiental con respecto a outros combustibles
Yovanna Gómez Castro, responsable de Operacións da planta de Reganosa, explica que "a nivel medioambiental é moito máis eficiente, porque reduce un 100 % as emisións de óxido de xofre e de partículas, nun 95 % as emisións de óxido de nitróxeno e un 28 % as emisións que temos de dióxido de carbono".
A terminal tamén pode servir como punto de abastecemento para buques que empregan gas natural licuado como combustible, pero no que vai de ano só se deu subministración a un único barco. Para Reganosa a principal actividade é distribuír gas natural baixo demanda dende os seus tanques a través de 130 quilómetros de gasoduto.
Rodrigo Díaz Ibarra, director de Desenvolvemento de Reganosa, asegura que "o ano pasado foi un ano un pouco estrano, no noso caso foi un ano bo nese senso, porque crecimos un 60 % fronte ao ano anterior na actividade da terminal. Neste trimestre, no que levamos de 2021, as cifras son aínda mellores, cun 180 % de crecemento fronte ao mesmo período do ano anterior".
Durante o 2020 Reganosa emitiu á Rede máis de 21.200 xigawatts hora, o que supón un incremento de máis do 60 % con respecto á enerxía emitida en 2019.