CRTVG

Buscar

Galicia reforzará a vixilancia na reapertura da hostalería, que traballará con códigos QR

Publicado o 24/02/2021 15:47

Desta vez haberá un control moito máis estrito do sector para garantir a seguridade na reapertura e para constatar que se cumpran as normas. Para conseguilo, a Xunta reforza a colaboración cos concellos e coa Delegación do Goberno.

Haberá policías vixiando diariamente os arredores dos locais. E os establecementos terán que ter visible o cartel coa ocupación permitida.

Os hostaleiros disporán dunha semana para adaptarse ás normas. A partir de aí haberá sancións para os que non as cumpran.

O obxectivo é volver traballar con seguridade, que non haxa que dar marcha atrás. Para iso a hostalería terá que reabrir cunhas condicións especiais. Haberá un control estrito da ocupación máxima dos locais. Farase a través dunha ferramenta web, e os límites de acollida terán que estar sempre visibles para os clientes. Ademais irase implantando progresivamente o uso dun código QR para facilitar os rastrexos en caso de que haxa algún contaxio no local.

"Iso facilitará moitísimo toda a xestión sanitaria dese contaxio. E por suposto tamén hai que cumprir as normas que xa todos coñecemos e que son tan sinxelas como usar a máscara, non reunirse máis grupos de persoas do permitido, non ocupar a barra do bar, ou non superar o límite de ocupación", explica Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, 

Diso encargaranse os corpos e forzas de seguridade. A Xunta reforza a colaboración coa Delegación do Goberno e cos concellos para vixiar que todos cumpren. "Ese vai ser o traballo da Policía Nacional e da Garda Civil, que van vixilar que se cumpren as normas establecidas pola Xunta para a hostalería", afirma Javier Losada. delegado do Goberno en Galicia, "As policías locais sempre colaboraron na xestión da pandemia, e seguirano facendo", salienta Alberto Varela., presidente da Fegamp,

Neste plan de desescalada, a primeira semana será informativa. Logo as infraccións implicarán multas. Ao mesmo tempo que reabren os negocios, a Xunta puxo en marcha xa o segundo plan de rescate á hostalería; desde o venres recibiu 15.900 solicitudes.

Noticias web

24/02/2021