CRTVG

Buscar

Reforzan os servizos municipais para levar alimentos e medicinas a maiores que viven sós

Publicado o 26/01/2021 15:19

Desde a Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos planifica o traballo da xornada, a ruta e os servizos que van prestar hoxe Virginia e Álvaro, a bordo do pequeno autobús adaptado que serve para transportar persoas con dificultades de mobilidade, pero que tamén fai as funcóns de taxi para visitas médicas ou de reparto de comida, medicinas e roupa a domicilio. Agora toca reactivar este servizo. Rubén explica que tratan de reducir ao máximo os desprazamentos dos maiores, para que non teñan que ir ao supermercado nin á farmacia, por exemplo.

Hoxe levan varios lotes de alimentos a outros tantos domicilios. Entre marzo e maio pasados, durante o confinamento total, levábanlles medicinas periodicamente a unhas 50 persoas, e alimentación a outras 35, non só maiores, senón tamén persoas de calquera idade soas en corentena. 

Tamén, nun concello coma este, con 11 parroquias rurais, aproveitan o transporte para trasladar anciáns ata o centro médico. É o caso de Mercedes, á que hoxe levaron facer unha analítica.

"Trátanme moi ben e agradezo moito este transporte, porque esta xente é especial", di emocionada mentres a levan de volta á casa.

Virginia Mosquera, a condutora do autobús, encárgase de cargar os lotes de comida, a roupa... o que faga falta.

"Agradécese que valoren este servizo porque dá animos e axuda", di.

Preto de 130.000 persoas maiores viven soas en Galicia. A cobertura de proximidade de necesidades básicas revélase esencial durante a situación de pandemia.

Noticias web

26/01/2021