CRTVG

Buscar

Traballo asegura que o contrato ordinario será o fixo, malia as críticas empresariais

Publicado o 02/07/2021 14:21

Continúa a negociación da reforma laboral. O Ministerio de Traballo remitiulles un último borrador a sindicatos e patronal. Segundo a vicepresidenta terceira e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, a reforma da contratación que está enriba da mesa fixa como tipo de contrato ordinario o indefinido. Ademais, impulsa o fixo descontinuo para circunstancias que agora se cobren con contratos temporais.

Na presentación dos datos do paro e da afiliación á Seguridade Social, Díaz insistiu en que a elevada temporalidade do mercado español é unha anomalía que hai que corrixir, tal e como demanda a Unión Europea, e enmarcou críticas da patronal na "lóxica da dinámica negociadora".

A CEOE reclama unha maior flexibilidade para as empresas, algo que a vicepresidenta pensa que non está rifado con cubrir as tarefas produtivas temporais con contratos fixos descontinuos. Como exemplo puxo o sector turístico das Baleares, que recorre maioritariamente a esta figura.

Reivindicou que por primeira un Goberno vai abordar a excesiva temporalidade e asegurou que o importante é que todos os axentes sociais "saben que é unha anomalía no noso país".

"Alleos á realidade"

O vicepresidente da CEOE, Miguel Garrido, declarou este venres que o Executivo vai na dirección contraria ao que se precisa. "Viven alleos á realidade aqueles que pensan que introducindo maior rixidez nas relacións laborais e dificultando o encarecendo da saída dos traballadores das empresas van evitar a destrución neta de empregos", manifestou.

Noticias web

02/07/2021