CRTVG

Buscar

Reforma da Lei de memoria histórica e creación dunha "comisión da verdade"

Publicado o 12/07/2018 09:13

A ministra de Xustiza, Dolores Delgado, anunciou unha futura reforma integral da Lei de memoria histórica, así como a elaboración de plans de procura de desaparecidos, un censo de vítimas da Guerra Civil e a ditadura e programas de exhumación.

Ademais, adiantou que o seu departamento estudará a maneira de levar a cabo a "ilegalización daquelas asociacións ou organizacións que fagan apoloxía do franquismo", como a Fundación Francisco Franco.

"É a nosa intención e o noso compromiso asegurar o acceso á verdade mediante os mecanismos adecuados e eficaces que garantan o dereito á reparación das vítimas do franquismo e a obtención das adecuadas garantías de non repetición", afirmou Delgado na súa primeira comparecencia no Congreso.

Por este motivo, o Ministerio de Xustiza creou unha nova Dirección Xeral para a Memoria Histórica que, tal e como explicou Delgado, se encagará de establecer "plans de procura de desaparecidos" e contará con "expertos en materias relacionadas co Dereito, a Arqueoloxía e a Antropoloxía Forense, así como representantes de asociacións memorialistas e de familiares de vítimas e calquera outra persoa destacada en materia de Memoria Histórica".

Esta dirección xeral fará públicos os datos de exhumación anual, o número de persoas localizadas, a cifra de peticións rexistradas e o número de prospeccións sen resultado positivo para a súa posterior publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) ou no boletín oficial da comunidade autónoma onde se realizou a exhumación.

Tamén procederá á publicación dun censo oficial de vítimas da Guerra Civil e a ditadura. Tras subliñar que a Lei de Memoria Histórica de 2007 ha de ser actualizada, a ministra adiantou que o Goberno poñerá en marcha unha reforma integral que irá en liña ao exposto na proposición de lei que presentou o PSOE na oposición e que foi rexeitada polo entón Executivo de Mariano Rajoy. 

Segundo a ministra, esta reforma terá como obxectivo "declarar a nulidade dos tribunais de excepción franquistas e os seus fallos e sentenzas, impulsar desde o público as exhumacijóns, crear unha comisión da verdade, resignificar o Val dos Caídos nos termos recomendados pola Comisión de Expertos que estudou o asunto en 2011, retirar a simboloxía de exaltación da Guerra Civil e a ditadura, cun procedemento taxado con sancións económicas para o caso de incumprimento e reforzar o acceso a arquivos". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018