Telexornal Serán FDS
Reforestación con frondosas autóctonas en Froxán
Publicado o 20/01/2018 21:30
Máis dun cento de persoas xuntáronse hoxe en Lousame para reforestar con frondosas autóctonas o monte veciñal de Froxán.
Fixeron un micromecenado solidario co que recadaron en só 20 días máis de 8.000 euros para mercar as árbores.
A chuvia desta mañá en Froxán trouxo un bo día para plantar: carballos, bidueiros, cereixeiras e freixos ocupan xa o terreo dos eucaliptos no monte do Ramo Curvo onde se xuntaron ecoloxistas de Verdegaia, membros da Comunidade do Monte de Froxán e da Coluna Sanfíns.
"Temos os lumes do ano pasado recentes, por iso é moi importante saber que especies plantamos no monte e que se son autóctonas e frondosas moito mellor, porque son especies que van frear o sume, son devasas verdes, é moi importante" Aseguraba Roi Seoage, de Verdegaia.
É o caso do equipo de Rugby Vigo que decidiu pasar esta xornada de convivencia colaborando co proxecto despois de presenciar de preto os lumes do verán pasado, como comentaba Berta, a capitana do equipo.
"Creo que ata que non pasan as cousas non nos damos conta do que está pasando. Creo que temos que ter máis conciencia de que hai que coidar os montes, que son de todos e hai que colaborar."
A de hoxe é a primeira hectárea amadriñada polas doazóns que se fixeron na plataforma de micromecenado Kukumiku, pero o proxecto prevé restaurar con bosque nativo un total de 10 hectáreas.
"Esta campaña saiu ben e hai moitísima xente implicada, non só facendo as súas achegas como madiña senón tamén en días coma hoxe vindo ao monte plantar. É en parte por ese clamos que hai na sociedade por facer algo co problema dos incendios, da perda de biodiversidade. Ademais de plantar árbores no monte tamén se planta conciencia, sensibilidade e a xente que vén crea un vínculo con esta terra." Asegura Xoán Evans, da Coluna Sanfíns.
Dado que as doazóns se aproximan xa á cantidade necesaria para unha nova plantación o próximo 4 de febreiro tocaralle a unha segunda hectárea.