Reflotan parcialmente o Ever Given despois de seis días varado na canle de Suez
O buque de bandeira panameña Ever Given foi "reflotado parcialmente" este luns tras seis días varado na canle de Suez, o cal provocara a suspensión dun dos pasos marítimos máis importantes do mundo; pero non está claro cando reabrirá, informaron firmas que ofrecen servizos loxísticos en canles e estreitos.
"Ever Given foi reflotado parcialmente na canle de Suez", indicou a firma Leth Agencies ao publicar unha foto satélite do xigante portacontedores que mostraba que se moveu a popa da embarcación. A información tamén a publicou a firma Inchcape, que engadiu que o barco "está a ser asegurado", sen dar máis detalles.
Pola súa banda, a Autoridade da Canle de Suez anunciou nun comunicado publicado na súa conta de Facebook que ao amencer deste luns se iniciaron "as manobras de arrastre para reflotar o portacontedores" co traballo dunha decena de remolcadoras que operan desde catro direccións diferentes.