CRTVG

Buscar

Reencontrámonos coa natureza a traves da arte

Publicado o 17/06/2020 21:52

Un planeta que nos une. Que protesta. Polo quecemento global, pola acción do home. O mesmo que hoxe busca reencontrarse con el. Tamén cos seus habitantes, que andaron ceibos nun confinamento que nos devolve paseniño á normalidade. Con distanciamento volvemos reencontrármonos coa arte. Logo de meses lonxe da natureza, en Vigo a mostra O noso Planeta convídanos a ver a terra de preto, a sentila e reflexionar sobre a nosa forma de vida.

O mar tamén nos une. Reprodúcese. Mergullámonos na Coruña na exposición Sexo Azul. Nós reencontrámonos co mundo mariño e eles encóntranse para reproducirse. O sexo non é de cores, é azul, porque precisamos que os nosos océanos estean ateigados de especies. Moitas viaxan centos de quilómetros seguindo as pegadas das femias; por moi solitarias que sexan, reúnense en grandes grupos para o momento. Sucede tres días ao ano, nas primeiras lúas cheas do inverno. Natureza azul nunha exposición onde descubrir moito máis.

A beleza que nos une e que nos fala. Desde o o CGaC, en Compostela, fálanos o artista monfortino Antón Patiño a través da mostra Caosmos. Nela o mar tamén forma parte do caos e do cosmos. Desde o Inventario de espumas abrénos unha ventá ao océano. Ás ondas do mar. En silencio mesmo podemos escoitalas...

Neses mesmos areais atlánticos e sen saír do Centro Galego de Arte Contemporánea, outra mostra reivindica a vida e o universo creativo de Man, o alemán de Camelle. De estar vivo, o seu confinamento sería salgado, poucos coma el viviron a natureza. De aí, estes anacos do seu edén artístico.

Noticias web

17/06/2020