Reelixido Unai Sordo como secretario xeral de CC OO co 94 % dos votos

Unai Sordo repite como secretario xeral de Comisións Obreiras tras acadar o apoio do 93,74 % dos votos no XII Congreso Confederal do sindicato que se celebra en Madrid dende o 21 de outubro.
Os 757 delegados presentes deron tamén o seu apoio, co 93,09 % dos votos, á nova executiva, que conta con once segregarías, fronte ás trece do mandato anterior.
En concreto, 659 persoas votaron a favor de que Sordo continúe como secretario xeral catro anos máis, mentres que outras 44 se abstiveron. A Executiva acadou o respaldo de 661 persoas, con 49 abstencións.
O Congreso do "fortalecemento"
Durante o seu discurso, Sordo resaltou que este foi "o Congreso do fortalecemento de Comisións Obreiras", que "zumega cohesión". Ademais, considerou o sindicato como "un acicate para os retos que ten por diante, para afrontar a pospandemia" nun momento delicado, "nunha encrucillada de dimensión histórica".
O sindicato encara así un novo período con varios obxectivos, recollidos no Relatorio aprobado polo XII Congreso, e que están marcados pola recuperación de dereitos das persoas traballadoras.