A violencia de fillos a pais, cada vez máis temperá e sen causas concretas, din os educadores sociais
Aumentan os casos dos fillos que maltratan os pais e adiántase a idade en que comeza esta violencia.
En Pontevedra vai arrancar un programa dirixido a reeducar estas familias, algunas con nenos desde os dez anos.
A Fundación Meniños pon en marcha un programa de detección precoz para atender este tipo de casos. Roberto Antón, coordinador da Fundación Meniños, explica que desde que comezaron a traballar neste problema no 2004 véñense decatando de que na "última década hai máis casos e que cada vez son de máis difícil abordaxe".
"A principio era como a partir de 14 e 15 anos, pero estamos detectando que con 12 e 13 anos están iniciando este tipo de condutas". E aclara Roberto Antón que "primeiro estivemos traballando coas familias e os rapaces, pero démonos de conta de que se precisa unha abordaxe máis global, unha abordaxe grupal para previr este tipo de situacións".
O modelo que se vai seguir é o da universidade do País Vasco, onde hai un equipo de traballo e "puxémonos en contacto con eles porque en Victoria obtiveron moi bos resultados".
Estas ferramentas explícaas un pouco máis polo miúdo a responsable do proxecto e educadora social, Aurora Coego: "Imos traballar coas familias nun formato grupal. É dicir, por un lado trabállase cos nenos e nenas e, polo outro, cos pais. Despois, en sesións grupais".
"Un pouco é identificar cales son eses pensamentos e crenzas que manteñen a violencia e intentar modificalas, tanto nos pais como nos fillos". "Tamén tratamos de ver como afecta nas habilidades de comunicación e de resolución de conflictos e tratamos de melloralas", explica Aurora Coega.
"Non chegamos a atopar unha causa concreta. Isto tamén é bo para as familias, que moitas veces se senten culpables e tratan de esconder o problema".