CRTVG

Buscar

Redúcese o tempo de espera para ser atendido e operado nos hospitais do Sergas

Publicado o 26/01/2018 14:48

 

Redúcense os tempos de espera nos hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde tanto para consultas, probas de diagnose ou cirurxía.

Segundo os datos ofrecidos esta mañá polos responsables da sanidade pública, destaca a redución nas intervencións cirúrxicas, que se situou en 66,4 días en 2017, case dous días menos que no ano anterior. As mellores cifras da serie histórica, segundo a Xunta, xa que Galicia segue por debaixo da media estatal, cunha espera media de 115 días.

Para os doentes con enfermidades graves, prioridade un, a espera é de 18 días, co que se mantén a tendencia dos últimos anos. Melloran tamén as cifras en canto ás consultas e, sobre todo, ás probas diagnósticas, que pecharon o ano pasado en 76,8 días de media, case nove menos que en 2016.

Un doente que tivera que ser operado en quirófano nun hospital galego o ano pasado, tivo que agardar máis de 66 días para ser atendido. Por especialidades melloran os datos de neurocirurxía e traumatoloxía. E por áreas, as de Vigo e Santiago, son as que máis reducen os tempos medios de espera.

"Melloran os resultados obtidos no ano 2016, e no caso de cirurxía ou de consultas, presentan os mellores datos da serie histórica do Servizo Galego de Saúde", sinalou Antonio Fernández-Campa, xerente do Sergas.

Aínda que subiu un chisco, a espera media para doenzas graves, de prioridade 1, situouse en 18,1 días, e seguen por debaixo dos 30 días comprometidos polo Sergas. No sistema de vías rápidas, polo que o médico de atención primaria deriva ao especialista en casos de gravidade, aumentou a espera en cancro de mama, aínda que a media rexistrou un descenso de case un día. Para probas diagnósticas agardamos de media case nove días menos que en 2016 e para unha consulta no hospital a cifra é de 46 días, un chisco inferior ao ano anterior. Case 1.300 persoas se acolleron ao decreto de tempos máximos, fixado nun tope de dous meses, que entou en vigor o pasado dez de xaneiro.

Noticias web

26/01/2018