CRTVG

Buscar

Falecen sete persoas en Galicia con coronavirus nunha xornada en que soben a 105 os pacientes nas UCI

Publicado o 15/11/2020 10:20

• A área de Vigo reduce de xeito significativo os contaxios

• As altas desde o comezo da pandemia superan as 35.000

• Notifícanse 8.327 novas PCR, 676 menos ca na xornada anterior

Nas últimas horas faleceron en Galicia sete persoas diagnosticadas con covid−19. Tres mulleres que morreron no hospital de Ferrol; unha de 90 anos, usuaria da residencia As Fragas de Pontedeume; outra de 89, residente no centro de maiores As Virtudes, tamén de Pontedeume, e outra de 97 que procedía da residencia San Jose de Narón.

No hospital do Salnés morría outra muller de 95 anos interna da residencia DomusVi de Ribadumia. No Universitario de Ourense falecía outra muller que procedía do centro de maiores dos Milagres en Barbadás. No seu domicilio no concello da Rúa morreu un home de 94 anos. E o último falecemento notificado é o doutro home de 93 anos ingresado no hospital de Lugo. A cifra total de persoas falecidas desde o comezo da pandemia é asi de 1.069.

Datos de casos activos e contaxios

A última actualización de datos do Sergas cifra en 9.298 os casos activos de coronavirus en Galicia. Confirmaríase a tendencia á baixa das infeccións. Os positivos confirmados nas últimas 24 horas son 499, dos que 489 foron diagnosticados por PCR, co que tamén se produce unha desaceleración dos contaxios por baixo dos 500.

A redución dáse en todas as áreas sanitarias e os positivos só soben do cento en Vigo, con 149, e na Coruña, con 104. Ferrol, con 22 novos diagnósticos por PCR, e Ourense, con 39, confirman a tendencia á baixa.

Pola contra, a presión hospitalaria aumenta e hai 473 persoas ingresadas en planta, cinco máis que na xornada anterior, e son 105 os enfermos con covid−19 ingresados en UCI, tamén cinco máis. A área que máis enfermos ingresados ten é a da Coruña e tamén a que ten máis pacientes graves en coidados intensivos, 28. Por outra banda, desde o comezo da pandemia recibiron a alta médica 35.003 persoas.

 Por áreas sanitarias os casos activos son:

A Coruña: 1.820

Ferrol: 841

Lugo: 1.062

Ourense: 825

Pontevedra: 1.267

Santiago: 1.041

Vigo: 2.442