CRTVG

Buscar

As cámaras da TVG gravan como reducen un dos furtivos de Cabo de Cruz

Publicado o 03/05/2019 16:34

No que vai de semana, os gardas rurais da confraría de Cabo de Cruz, en Boiro, levan comisados máis de cen quilos de marisco ilegal. Hoxe acompañámolos na súa rolda polas praias e presenciamos como reducían un furtivo que se negaba a entregar a ameixa.

As cámaras de TVG poideron gravar xusto o momento en que collen e reducen un furtivo:

"Estás quieto? Estou. Estás quieto? Estou!"

O que ven ocorreu esta mañá no lugar de Pesqueira, en Cabo de Cruz: "Acabamos de ver aquí un furtivo, comisámoslle o marisco, púxose agresivo... tivemos que reducilo porque lle levantaba a man ao meu compañeiro. E cando lle sacamos o marisco deulle unha patada ao vehículo. É o que temos todos os días por aquí".

Comisáronlle o raño e arredor de cinco quilos de ameixa: "Ao mellor o quilo a 5-6 euros. En total, uns 30 euros, para eles. Para a confraría poden ser cincuenta ou sesenta euros", explican os vixilantes.

"Terá un xuízo, poranlle unha multa de x días que non vai pagar porque se declara insolvente, e mañá témolo outra vez aquí sen pagar un peso".

No que vai de semana, xa soben dos cen quilos de ameixa ilegal comisados. Hai furtivos en todas as praias, pero os que traballan de xeito sistemático e organizado, din, son só nove ou dez.

"Porque á parte son furtivos que, se poden levar 50 quilos non levan cinco para pasar o día, e se poden vir dúas mareas non veñen unha. Temos que estar atentos porque levan o que poden", expón Juan Míguez, garda rural da confraría.

O vixilantes tamén gravaron un vídeo esta mañá, do momento en que botan da praia Xardín de Boiro un grupo habitual. Para non entregar a ameixa, destruírona a golpes: "Sacámolos. Un deles baleirou o marisco pero, coa rabia ao non poder levalo, machacouno todo co raño, e saíu da praia protestando".

Estes días fan o seu traballo nun coche de alugueiro. O que usan habitualmente está no taller desde que, hai uns días, os furtivos lles furaron as catro rodas. O caso está denunciado, pero non cren que teña maiores consecuencias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/05/2019