CRTVG

Buscar

Reducen en máis dun 80 por cento a praga da 'velutina' no Valadouro

Publicado o 30/04/2019 14:14

Todas estas raíñas de velutina foron capturadas na Mariña no primeiro mes de campaña contra a praga. O Valadouro foi o concello onde se detectaron menos exemplares, por se tratar do segundo ano de loita contra a avespa asiática. De feito, dende a empresa encargada de exterminar esta especie invasora sinalan que se conseguiu reducir nun 83 por cento a súa presenza.

José María Vázquez, exterminador de avespas asiáticas: "O plan para conseguir controlar a velutina consiste en combinar a instalación de trampas de xeito profesional, analizando concellos, zonas térmicas, puntos de situación... Onde saen as raíñas para comer facemos a primeira peneira, e a segunda é unha retirada o máis rápida posible e permanente para ter todo controlado para o ano seguinte. Facendo isto dous anos seguidos conseguimos baixar a niveis superiores a un 90 por cento, como imos facer este ano no Valadouro".

Este será o primeiro ano de loita contra a vespa velutina en Viveiro e mais en Burela mediante a instalación selectiva de trampas para raíñas. Cada unha delas constrúe catro niños no seu ano de vida, dos cales os que á súa vez producen máis raíñas son os terceiros, xa contra o outono.

José María Vázquez, exterminador de avespa asiática: "Unha raíña distínguese dunha obreira pola anchura que ten no tórax entre as ás, que son 4,5 mm. Se non chegan a esa medida, non son raíñas, e é moi importante diferencialas para facer un control real. En canto aos niños, os primarios son os que saen en primavera, logo avanzan ao secundario, e dese fan á súa vez a 50 metros os terciarios, onde a raíña orixinal fai a posta de futuras raíñas, e logo deriva no que chamamos dexenerativo, aló por decembro".

De xeito paralelo, a empresa viveirense que instala as trampas selectivas deseñou uns protectores contra as velutinas para as colmeas de abellas, que xa comezaron a comercializar no ámbito estatal.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/04/2019