A Fiscalía recorre a anulación da condena a Audasa polas obras de Rande
A Fiscalía Provincial de Pontevedra presentou recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza que anula a condena a Audasa polas incidencias xeradas durante a ampliación da ponte de Rande. No primeiro ditame, a concesionaria tiña que devolver as peaxes ás persoas afectadas polas retencións que se produciron durante as obras.
En concreto, solicita á sala do civil do Supremo, por interese casacional, que anule o ditame recorrido da Audiencia Provincial de Pontevedra e dite outra sentenza no sentido proposto na demanda orixinal.
Os demandantes (a Fiscalía, Adicae, a asociación En Colectivo e varios particulares) sostiñan que a empresa incorreu nunha práctica abusiva prohibida pola Lei de defensa dos consumidores e Usuarios ao cobrar integramente a peaxe malia as retencións e os problemas causados polas obras.
A Audiencia aceptou a finais de abril o recurso da concesionaria e considerou que, cando a normativa de consumo inclúe como obxecto de control de abuso "as prácticas contractuais non negociadas individualmente", ten en conta unha realidade diferente á deste caso, en que se axuízan as condicións fixadas para a explotación dunha concesión administrativa.
Nese sentido, o tribunal provincial entende que non poden incluírse no concepto de "prácticas abusivas" as incidencias relacionadas co cumprimento do contrato de uso da autoestrada. Ademais, considera que non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo.
A Audiencia entende que "non existe unha relación directa entre a concreta prestación do servizo a cada usuario e a peaxe que paga", e insiste en que o importe da taxa ten un sistema de fixación global, no que se teñen en conta "intereses económicos varios" e factores como o tempo de concesión.