CRTVG

Buscar

Recupéranse os servizos asistenciais no Sergas

Publicado o 03/06/2020 16:14

Comeza a terceira etapa do plan de reactivación asistencial no Sergas. Esta nova fase trae consigo cambios que arrancan hoxe e que se deixan notar especialmente nos hospitais.

A partir de hoxe os hospitais recuperan a asistencia sanitaria habitual, e volven programar as operacións menos graves, que requiren ingreso ou cirurxía maior ambulatoria. Tamén as probas diagnósticas, as consultas externas e as unidades de fisioterapia. A desinfección, os circuítos diferenciados para os pacientes de COVID e as medidas de precaución para os maiores de 70 anos mantéñense en todas as fases da desescalada.

Aumenta a actividade presencial en todos os centros sanitarios e en todos os seus ámbitos.
Durante as últimas semanas mantívose a actividade urxente e a preferente, así como a oncolóxica, agora retómanse as probas complementarias, as consultas externas e a actividade cirúrxica.
Félix Rubial Bernárdez, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: "Pacientes que están en lista de espera cirúrxica e que requiren dunha intervención menos grave, menos importante, pero que obviamente temos que resolver. Imos avanzar nesa liña tamén e esperamos que nos próximos quince días poidamos xa normalizar a actividade en canto a cirurxía maior ambulatoria e cirurxía con hospitalización practicamente en cifras previas ao inicio da pandemia". 

As consultas externas serán máis espaciadas no tempo, con consultas de mañá e de tarde e extremando as medidas de precaución e hixiene. Recoméndase acudir sen acompañantes na medida do posible, e non chegar antes de tempo ás citas para evitar aglomeracións nas salas de espera.  

Eloy Sánchez Hernández, xefe de Servizo de Dixestivo da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras: "Os pacientes que precisan unha exploración asociada a unha consulta, pois aproveitamos que veñen facer a exploración e facemos a consulta, de tal maneira que diminuímos a posibilidade de contaxio".

Nos centros de saúde, malia que polo de agora prevalece a atención telefónica, a actividade presencial vaise ir incrementando de a pouco. Ademais, os pacientes que non estean ingresados por COVID xa poden recibir visitas de familiares e amigos. 

 

 

Noticias web

03/06/2020