Recupéranse das secuelas da covid-19 con tratamentos de fisioterapia
Borja ten 36 anos e foi diagnosticado de covid o pasado mes de abril. Pasou a enfermidade na casa, pero o cansazo extremo e a dificultade para respirar persistiron co paso dos meses.
"Ao non estar no hospital, non fun un paciente moi grave, pero afecta igual estando na casa que estando no hospital, aínda que sexa a menor escala, pero si que afecta. Hai que axudar a recuperar un pouco a capacidade torácica para respirar e así poder conseguir o ritmo de traballo, que non é frouxo".
Borja é cociñeiro nunha residencia de maiores. Dende hai tres semanas acode a esta clínica en Ourense, onde os fisioterapeutas e os educadores físicos traballan na súa recuperación.
"Se os pulmóns non conseguen levar todo o osíxeno que deberían aos brazos, necesitamos compensalo doutra forma e o xeito de facelo é facer eses brazos máis fortes".
O certo é que practicamente teñen que aprender a respirar de novo. Facelo de maneira consciente para conseguir de a pouco expandir os pulmóns. Algúns pacientes perden ata un trinta por cento de capacidade respiratoria tras a covid.
"Facemos a rehabilitación cardio respiratoria e mesmo facemos exercicios globais, porque hai unha debilidade muscular, unha apatía xeral por esa inmobilización do tempo que botaron coa patoloxía, mesmo despois, porque se encontran mermados".
A recuperación pode levar meses, por iso inciden na importancia do inicio da rehabilitación en canto sexa posible, e tamén en ser constantes, para que o tratamento sexa máis efectivo.