CRTVG

Buscar

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños recupera unha tartaruga común

Publicado o 16/06/2020 14:27

Esta tartaruga común apareceu varada na praia. Tiña no intestino restos de redes e outros refugallos humanos. Os voluntarios da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños encárganse agora da súa recuperación.

"Estes días estámoslle dando xoubas, aínda que tamén comen calamares, e atopamos restos de mexillóns. Comen un pouquiño de todo, explica Marta Ortega, voluntaria do CEMMA.

A diferenza dos cetáceos, din que non é habitual que aparezan tartarugas varadas nas praias galegas, e menos aínda no caso de exemplares inmaduros como este que atoparon.

"Este exemplar que temos ingresado aquí é un exemplar xuvenil aínda. Apareceu varado nunha praia e por iso decidimos actuar, porque non é normal. Estas tartarugas normalmente están sempre no mar e máis nesta época xuvenil, en que se dedican única e exclusivamente a alimentarse e a medrar", explica Xavier Pin, voluntario do CEMMA.

Os seus coidadores son optimistas. Din que a tartaruga sairá adiante e que en breve poderá volver ao mar.

Noticias web

16/06/2020