CRTVG

Buscar

Recuperan sen danos a Famosa, unha tenreira que escapou e andou ceiba por Pontevedra

Publicado o 27/08/2020 14:57

Benito apenas pegou ollo esta noite, a primeira completa que pasa na casa familiar de Tomeza a súa becerriña. Mercouna o martes na Estrada e, esa mesma noite, o animal, escapou.

"Dixéronme que estaban ás cinco da mañá en San Brais, en Salcedo, que a quixo coller a Policía Local, e foi para o monte, e despois eu cos compañeiros, a cabalo, a pé, en coche... non aparecía, desde a mañá ata a tarde", conta o dono de Famosa, Benito Martínez.

Finalmente, "ás 12 da noite chamoume a Policía Local, que ía diante dun coche correndo asustada, así que fun cuns compañeiros, arrecunchámola, escapou para o monte e ao final botámonos enriba dela".

Case 24 horas de aventura na cidade, porque Famosa, como foi bautizada tras o rebumbio causado, foi vista a case oito quilómetros da casa, en plena travesía urbana de Pontevedra, tamén nos arredores dun centro comercial e na estrada de Vigo.

Así que famosa xa é, pero ben puido chamarse Milagres, porque o insólito é que non haxa que lamentar ningún dano, nin dela nin dos que se lle cruzaron na súa andaina.

"Podía armar un cristo, ir contra alguén, levar un coche por diante, que era o que máis medo me daba, pero ao final, xa a teño aquí", respira aliviado Benito, que ata chancea dicindo que Famosa "quería ter unha aventura, niso parécese a min".

Agora, a tenreira estará na corte, "darémoslle ben de comer, moito cariño para que se vaia afacendo a min, e logo xa a deixaremos coa outra, para que estean xuntas".

Por se acaso, esta mañá Benito preferiu non sacala do remolque. Despois duns días na corte, o destino desta tenreira de cinco meses será a maternidade e a crianza, ao igual que a súa compañeira, Salomé, que en novembro terá un becerro para facerlle compañía á pequena Famosa.

Claro que primeiro terán que recuperarse todos do susto...

Noticias web

27/08/2020